A ensinanza axúdanos a coñecer, comprender e sentir as realidades alleas, e pensar sobre aspectos vitais para o desenvolvemento axeitado do mundo. Todos e todas temos dereito a sermos tratados con respecto, libres de discriminación, coerción ou manipulación. Desde Save the Children queremos fomentar a colaboración entre iguais, para aproximar a dignidade ás nenas e nenos do mundo.
O material didáctico proposto ofrece outro xeito de ollar as circunstancias de diferentes persoas no mundo, convidando a saír do narcisismo, o egocentrismo e favorecendo a participación a prol da xustiza, a igualdade de dereitos e a dignidade.
Etnia, rohingya, tacto, amabilidade, apoio, coidado, identidade, protección, seguridade, refuxiados, soños, fronteiras, conflito, sentimentos, igualdade, seguridade, axuda, violencia, experiencias, valores e actitudes positivas e negativas para a vida.
No deseño das actividades téñense presentes tres procesos metodolóxicos que se axustan á aprendizaxe curricular dos diferentes niveis educativos:
– COÑECER: proceso de escoitar, descubrir e comprender a información.
– REFLEXIONAR: proceso de análise para extraer conclusións individuais e de grupo.
– PARTICIPAR: proceso de acción e creación responsábel a prol da comunidade, cuxo obxectivo é a xustiza e a igualdade de oportunidades.
Idade: 3-6 anos
Usar o tacto para demostrar amabilidade e afecto, buscamos obxectos por medio do tacto para os nenos e nenas correlacionaren a sensibilidade táctil e as necesidades alleas.
5 ou 6 caixas de cartón pechadas cunha abertura circular a cada lado (unha abertura por participante) para introducir as mans e recoñecer os obxectos do seu interior. Obxectos axeitados ás diferentes idades (nesta actividade todas as caixas deben ter dentro cordóns, esponxas, plumas, pallas, algodón, gasas, pinturas de cera e outras cousas semellantes...).
Investigamos por medio do tacto (10-15 min)
Distribúense pola aula as caixas de cartón pechadas con diferentes obxectos no seu interior (cousas suaves, de distintas formas, cousas duras, longas, brandas, curtas, rugosas...). Nenas e nenos introducen a man e investigan os obxectos por medio do tacto.
Rolda de diálogo sobre Sr. Tacto (10 -15 min)
Reunímonos e a mestra explica que o Sr. Tacto serve para descubrir, recoñecer e tocar... Sr. Tacto é como os ollos da pel. Ser amábel é unha das mellores cousas do Sr. Tacto, pola contra, danar e empurrar é das peores cousas de Sr. Tacto. Ter con nós a un bo Sr. Tacto é fundamental para sentirmos, sermos felices, querer e expresar.
Buscamos obxectos co tacto para nenos e nenas rohingya que necesitan a nosa axuda (15 min)
A profesora pídelle ao grupo que busquen obxectos para nenos e nenas rohingya que tiveron que marchar das súas casas e que agora viven nun campo de refuxiados:
Como tarefa previa, informamos da actividade “Sr. Tacto” e pedimos axuda ás familias para traeren de casa cinco obxectos pequenos que sexan interesantes ao tacto, sen que os vexan os nenos e nenas.
Dicímoslles ás familias que as mostras de cariño, afecto e o coidado por parte doutras persoas melloran a autoestima dos nenos e nenas e que tamén son un estímulo para medrar emocionalmente; que o noso amor axuda a manexar os medos naturais que aparecen nas distintas idades, fomentando un grao de sensibilidade saudábel.
A profesora pode crear máis situacións de refuxiados rohingya para que os máis pequenos sigan descubrindo obxectos.
O tempo utilizado nas distintas fases da actividade é indicativo, pode ampliarse ou acurtarse segundo o criterio docente e a idade dos participantes.
Pechamos a actividade informando de que participamos na carreira solidaria para os nenos e nenas rohingya teren a posibilidade de viviren en boas condicións e sen violencia.
Idade: 6-9 años
Que as nenas e os nenos reflexionen sobre a historia de Globo, sobre a necesidade de ter un criterio de coidado e unha actitude de rexeitamento perante a violencia, as inxustizas e as violacións de dereitos.
Historia de Globo, lapiseiros, bolígrafos e un papel por participante coa pregunta “Que cres que aprendeu Globo?”, pinturas de cores, cola, rotuladores e papel continuo para mural.
Contar a historia de Globo (10 min)
A mestra le a historia de Globo: “A Globo encántalle cambiar de forma, depende de con quen estea é dunha forma ou outra, se estiver cun cadrado convértese nun cadrado, se estiver cun teléfono convértese en teléfono, se estiver cun limón muda a súa forma a limón, se estiver cunha navalla adáptase á navalla, se estiver con pistola faise pistola, se estiver cun tanque faise tanque...
Os seus amigos tiñan medo, non o recoñecían... ‘quen es ti?’, preguntábanlle. Non nos gusta que te convertas en pistolas, navallas, tanques... Non nos gusta a violencia, non nos gusta o odio, as violacións... Os seus amigos pensaron en contactar con Save the Children e convidar a Globo a coñecer os nenos e nenas rohingya, nenos e nenas musulmáns que sobreviviron a violencia extrema, a discriminación, o acoso, que tiveron que escapar do seu país de orixe e camiñar moitos quilómetros ata chegar a un campo de refuxiados do país veciño. Viven con medo, na pobreza e preocupados pola súa vida futura. Cando Globo retornou díxolles que aprendera algo moi importante”.
Descubrimos o que Globo aprendeu (10 min)
A profesora ou profesor dálle un papel a cada participante coa pregunta “Que cres que aprendeu Globo?”, dálles uns minutos para responder, recolle as respostas e méteas nunha bolsa; as respostas son anónimas.
Posta en común de respostas (30 min)
O docente convida a cada participante do grupo a recoller un papel da bolsa ao chou, a lelo e pegalo nun mural. Após ler todas as respostas a profesora escribe visiblemente no mural “Todos somos únicos e temos dereito a sermos tratados con respecto e a tratarmos con respecto. Libres de discriminación. Isto aprendeu Globo”:
Deseguido pega a historia de Globo no mural e convida os participantes a decoraren o mural con pinturas.
A profesora ou profesor pode ler de novo a historia se for necesario.
Segundo a idade dos participantes, pódese abrir un debate para reflexionar sobre o aprendido e/ou realizar grupos de traballo para partillar opinións. Pódese adaptar a actividade a idades superiores.
Convidámosvos a realizar unha foto final co mural e enviarlla a Save the Children.
Explicamos que a carreira solidaria busca apoio para os nenos e nenas rohingya teren oportunidades de viviren en dignidade e sen violencia.
Idade: 9-12 anos
Que os participantes axuden a Señora Pepita a coñecer a etnia rohingya, a saber da súa situación e a comprender por que a súa axuda é necesaria.
Información sobre os rohingya (dossier de carreira solidaria, vídeos, artigos web de Save the Children...), cartolinas, rotuladores, cola, pinturas, directrices para os grupos.
Poñer en situación (5 min)
A profesora conta: “Pepita San Juan é unha señora de 65 anos que vive en Palencia e que contactou con Save the Children porque quere contribuír a un mundo mellor. Save the Children díxolle que podía apoiar a carreira solidaria, colaborando así a prol dunha vida digna para os nenos e nenas rohingya. Pepita ten que coñecelos, reflexionar sobre a súa situación e sentir que o seu apoio é importante”.
Pautas de colaboración (15 min)
A profesora informa que Save the Children pide a nosa colaboración para explicarlle a Pepita que a súa axuda é necesaria e dinos que sigamos unhas pautas claras:
Formamos un gran cartel (15 min)
Poñemos en común os murais realizados por cada grupo e dámoslle forma a un gran cartel común para enviarlle a fotografía ou vídeo a Save the Children e que as distintas persoas entendan que cooperar é moi importante.
É importante ver vídeos de Save the Children e extraer información sobre a realidade dos nenos e nenas refuxiados rohingya.
Pódese adaptar a actividade a idades superiores.
Sinalamos que as accións son o resultado dunha comunidade que só medrará se cooperamos entre todos. Por iso é tan importante participar en accións como a carreira solidaria, porque formamos comunidade para os nenos e nenas teren oportunidades de vivir dignamente.
Idade: 12-15 años
Que os participantes imaxinen estar en dous espazos interestelares polarizados, espazo de arriba e espazo de abaixo, divididos entre valores positivos e valores negativos para a vida. As persoas de ambos espazos mestúranse en grupos de traballo para axudar a que as nenas e nenos rohingya teñan unha vida digna. Que acontecerá?
Un papel por alumno e alumna para dividir a clase entre dous espazos, o de arriba e o de abaixo, bolígrafos, rotuladores, cartolinas e papel.
Dividimos a clase en dous espazos interestelares (10 min)
A profesora pide que imaxinemos que estamos en dous espazos interestelares diferenciados, desde eles contemplamos a terra e planificamos: “O espazo de arriba”, composto por persoas con ilusións, confianza, soños e bos pensamentos. “O espazo de abaixo”, cheo de persoas mentireiras, egoístas, hipócritas, falsas e violentas.
Repártese un papel por participante para dividir a clase entre o espazo de arriba e o de abaixo, temos uns minutos para meternos no papel que nos tocou.
Creamos grupos de traballo para mesturar espazos (5 min)
En cinco minutos, os participantes teñen que formar grupos de traballo de cinco participantes onde convivan habitantes do espazo de arriba e de abaixo.
Cumprimos a misión por grupos (15 min)
Cada grupo de traballo ten unha misión que cumprir: “Construír túneles cheos de actitudes, valores e cousas importantes para unha vida digna da etnia rohingya”. Repártense cartolinas e rotuladores para os grupos desenvolveren túneles construídos con pedras que cumpran a misión. Para eles é moi importante que todos, os de arriba e os de abaixo, concorden en que eses valores e actitudes son os importantes.
Posta en común da experiencia dos grupos (20 min)
Cada grupo explica o que aconteceu; cumpriuse a misión?, que dificultades confrontamos?, a que conclusións chegamos?
Antes de realizar a actividade, é importante coñecer a información de Save the Children (artigos e vídeos) sobre os refuxiados rohingya.
Que extraes da actividade realizada?
Que destezas tres teas de araña que simbolizan a violencia exercida contra os rohingya. Técense teas de araña enviando un nobelo de la dunhas persoas a outras, fíase de novo o nobelo de la, que simboliza a eliminación da violencia, e ao mesmo tempo que se enreda e se desenreda o nobelo cada participante envía palabras que fan e desfán a violencia.
Tres nobelos de la (cuns catro metros por participante).
A clase divídese en tres grupos (5 min)
A mestra ou mestre divide a clase en tres grupos que se sitúan en círculo e dálles un nobelo de la a cada un.
Tecer a tea de araña da violencia (15 min)
Os participantes de cada grupo fican quedos no sitio, comezan a tecer as teas de araña da violencia, o primeiro envíalle o nobelo de la a outro, pero queda co comezo da la; igualmente, este colle a la e envíalle o nobelo a outro e así sucesivamente ata todos os participantes teren suxeitos anacos de la. Ao mesmo tempo que cada un envía o nobelo para tecer a tea de araña di en voz alta unha palabra que simboliza a violencia (guerra, discriminación, insulto, mal trato...).
Destecemos a violencia (20 min)
A última persoa que ten un nobelo de la após tecer a tea de araña recolle o nobelo e vai camiñando, refacendo a madeixa, e simultaneamente di a palabra contraria á que lle enviaron (ex. guerra-paz), cando chega o nobelo a outra compañeira, esta fai o relevo recollendo o nobelo e continúa camiñando e repetindo outra palabra contraria á enviada, así fanse relevos sucesivos ata pasar por todos os participantes e destecer a tea de araña da violencia ao tempo que se fai outro nobelo.
Pódese probar a realizar a actividade dividindo a clase en dous grupos.
Pódese probar a repetir a actividade calculando tempos para tratar de realizala no menor tempo posible.
A profesora ou profesor explica a importancia de participar na Carreira Solidaria para un futuro sen violencia e con dignidade dos nenos e nenas rohingya.